OUTES> Tráxica fin de semana nas estradas de Muros-Noia. Dúas persoas falecidas e outras catro feridas de gravidade nunha colisión frontal entre dous vehículos que circulaban pola estrada comarcal AC-400, ó seu paso polo concello de Outes. O accidente producíase a última hora da tarde de onte, sobre as nove, neste vial que une os municipios de Outes e Mazaricos, na estrada das Paxareiras ó Pino do Val. As dúas persoas falecidas eran un matrimonio duns sesenta anos. Foi necesaria a súa excarceración ó quedar atrapados no interior do seu vehículo. No outro turismo viaxaba unha familia, un matrimonio con dous fillos menores. Dos catro, o peor parado foi o condutor, que tivo que ser evacuado no helicóptero do 061 a un centro hospitalario. No operativo de emerxencias participaron o GES de Muros, voluntarios de Protección Civil de Outes e Mazaricos e efectivos do parque de bombeiros de Santa Comba. A Garda Civil de Tráfico investiga agora as posibles causas da colisión, xa que se producía nun treito recto e de boa visibilidade.
Inicio crb