Paso adiante para o enlace de Portobravo co corredor Brión-Noia

    NOIA> Dende o Partido Popular confían en que a actuación, que virá a mellorar considerablemente as comunicacións na comarca noiesa, poida ser unha realidade antes do 2016. Os deputados do Partido Popular, Santiago Freire e Ramón Santos, acompañados da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o voceiro do PP noiés, Xulio Bustelo, mostraron a súa satisfacción por un novo escollo que vén de superar o vial proxectado pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para unir o núcleo de Portobravo, na estrada AC-308, co corredor Brión-Noia. Trátase dunha estrada, presupostada en 1’3 millóns de euros, dun quilómetro de lonxitude, que virá a mellorar considerablemente as comunicacións viarias e a seguridade na zona. Unha vez rematado o período de alegacións, o PP confía en que a actuación poida ser unha realidade antes do 2016. Dende o PP vese tamén con bos ollos esta actuación, que posteriormente se poderá ver mellorada tamén no futuro con outras actuacións no eido das comunicacións viarias como é o enlace Portobravo-Tallara e o viaduto de Traba. A realización deste proxecto vén a evidenciar o esforzo inversor da Xunta de Galicia para con esta comarca, sumándose a outras infraestruturas xa realizadas, que supuxeron un cambio significativo nas comunicacións viarias da zona, mellorando de paso a calidade de vida dos veciños.