Veciños Corrubedo quéixanse dos xabaríns

    Unha manada de xabaríns acabou a pasada semana cunha prantación de millo de máis de dous mil metros cadrados de superficie situada no parque natural de Corrubedo.

    En tan só unhas horas, a manada de xabaríns que asolou unha prantación de millo no parque de Corrubedo conseguíu rematar co traballo de toda a vida dunha familia de agricultores. Os animais devoraron tódalas prantas que crecían nunha superficie superior ós dous mil metros cadrados e que estaban case a piques de ser recollidas. A pesar de que a finca se atopaba pechada cunha rede de metro e medio de altura, os xabaríns non tiveron demasido problema para roela e conseguir acceder á prantación.

    Esta non é a primeira vez que se rexistran este tipo de ataques neste espazo e noutras zonas da comarca. Sen embargo, o problema é especialmente preocupante no parque natural posto que se trata dunha zona restrinxida á caza e existen ademais normas especiais para a colocación de peches nas fincas.

    Os veciños afectados consideran insuficientes as axudas concedidas polas administracións posto que soamente cubren a perda do millo, sen ter en conta o traballo e capital invertido no cultivo durante todo o ano. Así mesmo reclaman a adopción de medidas eficaces como pode ser a colocación de balados máis resistentes que impidan o paso dos xabaríns. 

    Dende o grupo municipal do BNG está prevista a presentación dunha moción no pleno así como unha iniciativa parlamentaria para que se produzan actuacións encamiñadas a rematar con esta problemática. Así mesmo, reclámase un incremento na contía das axudas e a axilización dos pagos posto que aínda están pendentes de aboar subvencións correspondentes ó pasado ano.

    Redacción Barbanza