O monumento do percebe de Aguiño será elixido mediante un concurso

    RIBEIRA> O gañador vaino decidir un xurado composto de sete membros. Haberá expertos en belas artes, representantes do concello e da confraría de Aguiño. Recóllense propostas desde o comezo da festa ata o 1 de decembro.

    O concello de Ribeira organizou un concurso para atopar o mellor monumento que represente ós percebes e ós percebeiros. Ata o vindeiro 1 de decembro, os artistas de Arousa Norte poderán presentar os seus proxectos. O gañador obterá como premio a contratación da obra, cun importe de ata un máximo de 18.150 euros (15.000 euros máis IVE), abarcando tal cantidade os conceptos de idea, maqueta, desenvolvemento do proxecto, execución a escala, dereitos de propiedade, realización da obra definitiva e transporte. A dotación económica será abonada á finalización do proxecto, tendo que ser executado en todo caso antes da última fin de semana do mes de xuño. A obra seleccionada emprazarase nun lugar destacado da zona portuaria de Aguiño, previsiblemente nunha futura rotonda que se pretende crear no tramo que dá acceso á lonxa da localidade. Preténdese que a escultura se converta nun elemento activo dentro da vida cidadá e elemento simbólico de visita a esta terra. Os proxectos que se presenten deberán ser orixinais e inéditos, non seleccionados nin premiados en ningún outro certame ou concurso, e non poderán ser reproducións totais ou parciais doutras obras realizadas ou en execución.