Bombeiros de toda Galicia fórmanse na Pobra sobre o control de fugas de amoníaco

A POBRA> Bombeiros de toda Galicia participan esta semana na Pobra nun curso organizado pola Academia Galega de Seguridade. O obxectivo é obter formación sobre os operativos a desenvolver ante as fugas de amoníaco, dada a gran cantidade de empresas frigoríficas na zona.

A Academia Galega de Seguridade desenvolve ó longo desta semana na Pobra un curso de formación específica para bombeiros. A través dunha serie de sesións teóricas e exercicios prácticos adquiren a formación precisa para saber actuar ante unha fuga de amoníaco.

Este curso vén sentar as bases dun proxecto no que están a traballar varias empresas da Pobra para crear unha unidade propia de emerxencias.

A necesidade de crear esta unidade vén derivada da gran cantidade de empresas frigoríficas na zona que presentan maior risco de escape destas substancias.