A reforma do Coliseo Noela podería estar rematada antes de finais de ano

    NOIA> O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá as obras de acondicionamento e reparación que se levan a cabo no Teatro Coliseo Noela de Noia. Na actuación, o seu departamento está a investir uns 270 mil euros, o custe total das obras. Durante a visita, o titular de Cultura realizou un percorrido polas instalacións, comprobando as melloras que se desenvolven, fundamentalmente na cuberta e na mellora da accesibilidade a tódalas dependencias do edificio. Unha vez rematadas as obras na cuberta, a actuación prevé continuar polos labores de restauración de pavimentos, pinturas e carpintería no interior do edificio. A intención da Xunta de Galicia con estas obras de rehabilitación non é máis que permitir que Noia poida recuperar unha infraestrutura cultural que data do ano 1920 e que sufría un estado de deterioro importante. Confíase en que os traballos de mellora do edificio poidan estar rematados antes de finais de ano.