Cinco anos e catro meses de prisión para o ex-director de Caixabank da Pobra

    POBRA> Cinco anos e catro meses de cárcere. Esa é a sentenza ditada pola sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña contra o exdirector da antiga sucursal de Caixabank na Pobra, Francisco Javier Otero García. O Tribunal considérao culpable dun delito de falsidade de documento mercantil e dun delito continuado de estafa. Queda por tanto probado que existiu unha estafa próxima ós dous millóns de euros que afectou a unha decena de clientes desta sucursal bancaria. Tratábase na súa maioría de persoas de avanzada idade, que confiaron os seus aforros nel, debido á confianza e á boa relación que mantiñan co acusado. O fallo xudicial obriga tamén á entidade bancaria, neste caso Caixabank, coma responsable subsidiaria, a devolver todo o diñeiro ós clientes estafados.