BARBANZA > O Centro Empresarial da Construción do Barbanza vén de inicia-los trámites para habilitar un selo de calidade en materia laboral. Con este distintivo a entidade que preside Xesús Lojo ten previsto recoñecer a aquelas empresas asociadas que cumpren tódolos requisitos legais que esixe a realización dunha obra.
Dende hai algún tempo o Centro Empresarial da Construción do Barbanza vén perseguindo a consecución dun selo de calidade en materia laboral co que premiar as empresas asociadas que se esmeran en cumprir con tódolos requisitos legais e xurídicos que esixe a execución dunha obra.
O distintivo servirá tamén de axuda e orientación ós seus clientes. Actualmente a entidade que preside Xesús Lojo xa elaborou o documento que regulará a concesión deste selo de calidade e está a ser estudado co fin de acada-la súa homologación.
Para levar a diante esta iniciativa o CECB conta coa axuda da Cámara de Comercio de Santiago.
As empresas que obteñan este distintivo poderán empregalo nas facturas que emitan, servíndolle de reclamo e publicidade para atraer a máis clientes ó saber que se está a contratar a unha firma que cumpre con tódolos requisitos legais.
Redacción Barbanza