Boiro acolle o Campionato de España Sub-15 de volei-praia

BOIRO> A cita, que será esta próxima fin de semana, os días 1,2 e 3 de agosto, disputarase na praia de Barraña, organizada polo Club Barraña Volei-Praia. Esta mañá presentábase no concello de Boiro o Campionato de España de Volei-Praia en categoría Sub15, tanto masculino coma feminino, que terá lugar esta vindeira fin de semana, do 1 ó 3 de agosto, na praia de Barraña. A competición arrancará o venres e o sábado coas liguiñas, para posteriormente o domingo, desenvolverse as fases finais. En total tomarán parte neste campionato uns 43 clubs procedentes de todo o ámbito nacional. Na proba tomarán parte tres equipos locais, dous femeninos e un masculino, este último conta ademais con grandes posibilidades de quedar entre os tres primeiros clasificados. Os grandes favoritos a levarse a vitoria serán os equipos canarios, cataláns e valencianos. Na organización do campionato tamén colabora o concello boirense. Para eles representa un evento do máximo nivel deportivo que cómpre apoiar, seguindo a liña de apostar forte por este tipo de iniciativas deportivas. O Club Barraña Volei-Praia quixo agradecer tamén a axuda das distintas casas comerciais que colaboran con este campionato, especialmente Jealsa-Rianxeira e Banco Mediolanum, xa que sen a súa axuda este evento non podería desenvolverse.