Pontevedra despídese da súa ‘semana fantástica’ como sede do Multisport de tríatlon

PONTEVEDRA> Aínda coa resaca da xornada de clausura, Pontevedra fixo balance esta mañá do Multisport de Tríatlon. Durante dez días a cidade converteuse na capital mundial deste deporte, atraendo a máis de 3.500 deportistas. Dende a organización explican que cita foi todo un éxito e, unha vez máis, consolida a imaxe de Pontevedra como a cidade perfecta para acoller grandes eventos internacionais.

A menos de 24 horas do seu peche, Pontevedra xa fai balance do Multisport de Tríatlon. Despois de acoller dez xornadas de competición, a cidade considera a cita un éxito organizativo.

Máis de 3.500 deportistas de 50 nacionalidades diferentes participaron na competición, que contou con máis de 1.300 persoas implicadas na súa organización. A eles hai que sumar voluntarios do programa Ofivol, militares, empregados públicos e membros do staff de operacións.

Ao éxito organizativo hai que sumar os éxitos deportivos da selección española. Os seus deportistas fixéronse con 23 medallas. Entre elas, o ouro de Antonio Benito, veciño de Pontevedra, en longa distancia e a prata do galego Damián Suárez.

Pendentes de coñecer os datos do impacto económico, dende a organización destacan o impacto mediático do Multisport. Máis dun millón de persoas de todo o mundo recibiron durante estes días contidos emitidos dende Pontevedra polas diferentes redes sociais.

Tras pechar este capítulo, Pontevedra xa se prepara para a súa seguinte cita co tríatlon. Será o vindeiro ano, cando volverá a acoller a Gran Final das Series Mundiais.