{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/30/piscina1.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/30/mobilizacion_piscina_cambados.mp4{/flowplayer}
CAMBADOS> E seguimos a falarlles de mobilizacións laborais; desta volta da reivindicación salarial que fan os traballadores da piscina municipal de Cambados. Denuncian que levan tres meses traballando sen cobrar dunha empresa que é adxudicataria do Concello. Hoxe aproveitando a expectación creada pola inauguración da Festa do Viño Albariño de Cambados fixéronse oír. Os traballadores da piscina municipal de Cambados votáronse esta mañá á rúa para facer oír as súas reivindicacións: levan tres meses traballando sen cobrar co conseguinte problema que isto carrexa para a súa economía familiar. O asunto xa están en mans da inspección de traballo a raíz dunha denuncia sindical. Pola súa banda, o Concello continúa intentando acurtar prazos co fin de procurar que a resolución do contrato ca empresa adxudicataria se formalice nuns 20 días. Así llo explicaba o Alcalde Luís Aragunde que saíu da Casa Consistorial ó encontro dos manifestantes. Agora será o Consello Consultivo de Galicia o que deba responder ás segundas alegacións. Neste tira e afrouxa, os traballadores acusaron ó rexedor de non telos informados directamente das novidades sobre o conflicto; e o Alcalde sinalou que a presente manifestación estaba moi politizada, ó estar presentes sindicalistas e membros da oposición. Os representantes deste colectivo de 17 traballadores amosaron a súa inquietude ante os rumores de que unha das empresas que se volve a presentar para facerse cargo da piscina é a propia Pazos pero con outro nome e outra identificación fiscal; o que para eles é un claro indicativo de que a piscina é rendible e que a falta de pagos se debe á mala xestión da dirección da empresa.