A Deputación sufragará a senda peonil do Sanguiñal a Carantoñas

    LOUSAME> A actuación forma parte do Plan de Travesías no que se investirá 1’1 millóns de euros e que permitirá mellorar a seguridade viaria en toda a provincia da Coruña. A Deputación da Coruña aprobou en pleno a segunda e última fase do Plan DTC93. Nesta fase o orzamento ascende a 14,5 millóns de euros. A maioría dos concellos da provincia destinarán a súa axuda a realizar obras. A corporación provincial aproveitou tamén a última das sesións plenarias antes das vacacións, para aprobar unha partida de 1,1 millóns de euros para o Plan de Travesías que permitirá mellorar a seguridade viaria na provincia. A maioría de actuacións consisten na creación de accesos para peóns, obras de accesibilidade e mellora dos viarios, ademais de traballos de canalización e reforzo do firme. Unha destas actuacións desenvolverase en Lousame, onde se pretende acondicionar e prolongar a senda peonil na estrada DP-1104, de Ponte Beluso á Ponte de San Francisco, concretamente entre os puntos quilométricos 8,260 e 8,810. O proxecto consistirá basicamente na execución de beirarrúas duns dous metros de ancho pola marxe dereita da estrada entre os núcleos de Sanguiñal e Carantoña. A actuación inclúe tamén obras de canalización e sumidoiros, ademais da sinalización horizontal e vertical. En total o investimento ascende a preto dos 129 mil euros. Tamén foron ó pleno provincial unha serie de convenios de carácter social, entre os que se atopaba o das asociacións a Misela e ADISBISMUR. Para a primeira das entidades a achega provincial, ó redor duns 190 mil euros, permitiralle poder adquirir un local como centro ocupacional. No segundo dos casos, a Deputación coruñesa entregaralle uns 50 mil euros á Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros para desenvolver un obradoiro de viveirismo e melloras no seu centro de formación de Valadares no concello de Outes.