RIBEIRA> O executivo ribeirense non foi quen de aprobar os orzamentos de 2022. Malia que os volveu levar a pleno a pasada noite por vía de urxencia, ante a posibilidade dun acordo de última hora co PSOE, finalmente os socialistas mantiveron o sentido do seu voto.
Tras unha semana de intensas negociacións con tódolos grupos, agás PBBI, o goberno de Ribeira acadaba un acordo in extremis co PSOE. Por esta razón incluía unha moción de urxencia no pleno da pasada noite para debater novamente os orzamentos que, sen embargo, non saíu adiante. Aínda que os dous edís socialistas tiñan previsto cambiar a súa abstención por un voto favorable, finalmente mantiveron a postura inicial, posiblemente por mandato da dirección do partido, desbotando así calquera posibilidade para o goberno de sacar adiante o seu proxecto orzamentario.
O que si saíu adiante foi a modificación de crédito por valor de 970 mil euros correspondente ós tributos do Estado para asumir unha serie de partidas fundamentais como os gastos de persoal ou asistencia domiciliaria.Cos contas prorrogadas automaticamente, o goberno contará con pouca marxe de manobra posto que a oposición poderá fiscalizar o destino de numerosos investimentos que precisarán do respaldo da corporación.