Barbanza-Arousa preséntase en Fitur como un destino baseado nas emocións e no turismo sostible

MADRID> Barbanza Arousa presentou esta tarde en Fitur a súa oferta turística, baseada este ano nas emocións e no turismo sostible. Ademais dos alcaldes dos catro concellos que integran a entidade, na presentación tomaron parte a directora da Axencia Galega de Turismo e o delegado da Xunta na Coruña. Todos eles insistiron nas idoneidades do territorio e de que se trata dun destino con moito aínda por descubrir.

A Mancomunidade Barbanza Arousa acudiu a esta edición de Fitur para presentar o seu destino turístico baseado en tres eixos fundamentais: o Camiño de Santiago, a través da ruta ‘A Orixe’, a enoloxía e a enogastronomía, e, principalmente, o feito de poder vivir experiencias durante todo o ano con actividades do máis variado.

Barbanza Arousa presentou tamén un video titulado ‘A emoción de descubrir’ no que se pon en valor tódalas actividades de ocio que existen no territorio, coa implicación do propio empresariado.

A delegación barbanzá aproveitará estes días a súa estancia en Madrid para manter contactos tamén con touroperadores e empresas do sector turístico a nivel nacional e internacional e incidir nas excelencias do seu territorio, que se verán ademais ampliadas grazas ós proxectos que se contemplan no seu Plan de Sostenibilidade Turística en Destino ‘Unha viaxe a través da historia dos sabores’, que conseguiu un financiamento de millón e medio de euros con cargo ós fondos Next Generation.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí