A Fiscalía de Medio Ambiente abre dilixencias contra Augas de Galicia polos vertidos de San Finx

RIBEIRA> A Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias contra a directora de Augas de Galicia e outros altos cargos do seu departamento por posibles delitos de prevaricación. Deberán prestar declaración en calidade de investigados pola autorización de vertidos da mina de San Finx.

A apertura de dilixencias contra Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, e outros altos funcionarios do departamento autonómico, produciuse a raíza da das denuncias presentadas polas confrarías de Noia e Portosín así como Ecoloxistas en Acción, advertindo de presuntas irregularidades na autorización de verteduras procedentes da mina de San Finx.

Concretamente alertaban da omisión por parte de Augas de Galicia tanto do control e sanción das verteduras xa existentes como da obriga de cobrar á empresa o canon de control de vertidos que ascende a máis de 30 millóns de euros.

Tras ter coñecemento da apertura de dilixencias por parte da Fiscalía Provincial de Medio Ambiente, as entidades denunciantes solicitaron ó presidente da Xunta que aparte ós investigados dos expedientes relativos á mina de San Finx ante o risco de destrución de probas e o conflito de intereses nos trámites en curso. lembran que neste mesmo mes, a directora de Augas de Galicia concedeu unha prórroga á empresa mineira para completar as infraestruturas de vertido.