A Pobra acollerá a II Exaltación ‘Os Sabores da Ría’

    POBRA> A cita gastronómica desenvolverase a vindeira fin de semana, do 7 ó 10 de agosto, na praza Alcalde Segundo Durán. O éxito da edición do ano pasado, foi unha das principais razóns que levaron, tanto ó concello pobrense coma ó Grupo Innove Eventos, a volver a organizar esta cita gastronómica: ‘Os Sabores da Ría’. Será a vindeira fin de semana, do 7 ó 10 de agosto na praza Alcalde Segundo Durán, onde está previsto instalar unha gran carpa. A iniciativa non pretende ser unha mera degustación gastronómica, senón que trata de buscar unha diferenciación con outras feiras de exaltación do marisco que xa se desenvolven en distintos concellos da zona. Isto tratará de conseguirse complementándoo con infinidade de actividades de carácter cultural e divulgativo destinadas a todo tipo de públicos. Durante os catro días que se prolongue a exaltación, poderán degustarse todo tipo de pescados e mariscos, a prezos populares que oscilarán entre os dous e os dez euros dependendo do produto. Dende o concello pobrense destacaron a importancia desta cita gastronómica que agardan siga tendo continuidade. Ademais do concello e o grupo Innove, colaboran na realización da festa a consellería do Mar a través do Grupo de Acción Costeira Ría de Arousa Número 5 e a Deputación da Coruña.