A Xunta saca a información pública a segunda fase de humanización da travesía de Outes

OUTES> Satisfacción no executivo outense tralo anuncio da Xunta de sacar a información pública o proxecto de humanización da estrada AC-550, e que se corresponde coa segunda fase de reurbanización da travesía de Outes, así como a relación das expropiacións necesarias para a súa execución.  A actuación  supón un investimento autonómico de 1,1 millón de euros, no que se inclúe o pago das expropiacións. O prazo para a presentación de alegacións estará aberto dende hoxe ata o vindeiro 27 de marzo.

O proxecto  ten coma finalidade gañar espazo público para os peóns e mellorar así a seguridade viaria na zona. Entre as actuacións previstas figura a construción de tres novos muros de pedra similares ós xa existentes para a contención da terra, ó tratarse dunha zona na que nos últimos anos se rexistraron derrumbamentos. A reforma prevé tamén a ampliación das beirarrúas, a mellora do firme da calzada e tamén varias interseccións con rúas de titularidade local, así como o reforzo da iluminación dos pasos de peóns e colocación de nova iluminación pública. A obra virá a dar continuidade á reurbanización realizada xa no ano 2017 pola Axencia Galega de Infraestruturas cun investimento de máis de 670 mil euros​.