Ruíz confía en rematar o novo auditorio a finais deste ano

RIBEIRA> As obras do auditorio de Ribeira avanzan a bo ritmo. O concello agarda que a finais de marzo poida estar rematada a estrutura exterior. De seguir así, o novo inmoble será unha realidade a finais de ano.

Nove meses despois do inicio das obras, o futuro auditorio de Ribeira vai tomando forma. Os operarios traballan na actualidade na construción dun muro de 37 metros e o concello estima que a finais de marzo estará rematada a estrutura exterior.

Ademais de habilitar un espazo cultural de gran capacidade, a nova infraestrutura marcará un antes e un despois no aspecto urbanístico dada a peculiaridade do innovador deseño que presentará o inmoble.