O BNG de Boiro reclama máis investimento para o municipio

    BOIRO> O BNG de Boiro presentará unha serie de emendas ós orzamentos da Xunta solicitando un maior investimento para o municipio. Demandan partidas para a construción dunha segunda depuradora, a finalización do viveiro de empresas e a ampliación do investimento consignado para o porto do Cruz. Os orzamentos da Xunta para o próximo exercicio contemplan para Boiro unha partida de setecentos mil euros destinada ó saneamento do río Breiro e cen mil euros para a dotación de pantaláns en Cabo de Cruz. Os nacionalistas consideran que estes investimentos son insuficientes polo que presentarán varias emendas entre as que se inclúe a ampliación do presuposto para dotar de tódolos servizos a Cabo de Cruz. Solicitan tamén que se habiliten fondos para a finalización do viveiro de empresas e a mellora do saneamento a través de diversas actuacións como a construción dunha segunda depuradora ou a finalización do saneamento no río Coroño. Por último, incluirán nas súas alegacións a solicitude dunha partida para a posta en valor do Pazo de Goiáns.