Artemar irrompe con forza no ecuador estival de Ribeira

    RIBEIRA> A Feira Mariñeira de Ribeira Artemar retomou a sua programación con normalidade despois de que a pasada tarde se suspendera o pregón inaugural en sinal de dó polos atentados de Cataluña. Ás once da mañá o mercado mariñeiro emprazado na praza do concello e nas rúas peonís da contorna abría as súas portas. Os máis madrugadores, ademais de facer as súas compras nos distintos postos artesanais, tiveron ocasión de probar as suculentas propostas gastronómicas que ofrece a feira. A música estivo tamén ben presente en forma de ruadas a cargo dos grupos ‘Os catro quintos’ e ‘Ferox Feminae’. Os máis pequenos disfrutaron dos Contos do Mar, unha serie de historias fantásticas extraídas de andanzas mariñeiras, a cargo de Tragaleguas Teatro. Todas estas actividades e o gran ambiente que se viviu en Ribeira esta mañá son tan só un aperitivo do que está por vir durante a fin de semana. Música tradicional, obradoiros infantís, grandes espectáculos de lume e acrobacias ou o conxuro da queimada e o espectáculo de danza que pechará a feira o domingo pola noite.