Cabo de Cruz volverá a acoller unha proba da Liga ACT-San Miguel

    BOIRO> A regata, que se corresponde coa XXIV edición da Bandeira de Traíñas Concello de Boiro, disputarase este próximo domingo, ás doce da mañá, no peirao crucense. Despois de seis anos agardando, Cabo de Cruz volverá a acoller este próximo domingo unha das citas máis importantes do remo no panorama nacional, coa disputa da vixésimo cuarta edición da Bandeira de Traíñas Concello de Boiro valedeira para a Liga ACT San Miguel. A proba, que arrancará as doce da mañá baixo a organización do club anfitrión, o Club de Remo Cabo de Cruz, volverá a poñer a Boiro no máis alto desta modalidade deportiva. Aínda que ilusionados, dende o Club son conscientes das escasas posibilidades que terán á hora de facerse coa bandeira. Sendo as embarcacións de Hondarribia, Kaiku ou Orio as principais favoritas. Na presentación da proba tamén tomou parte o presidente da ACT, Pedro Andueza, que fixo un chamamento a tódolos afeccionados a asistir ese día a presenciar a regata. Pola súa banda o alcalde, Xoán Xosé Dieste, destacou a importancia desta regata, que volve a poñer a Boiro na élite nacional deste deporte. O rexedor boirense tamén tivo palabras de eloxio para o Club de Remo Cabo de Cruz, polos éxitos acadados nestes anos. Con anterioridade disputarase tamén a cuarta Bandeira de Traíñas Feminina Concello de Boiro pertencente á Liga Galega Feminina, na que tomarán parte as embarcacións de Cabo da Cruz, Tirán e Sanmertolameu de Meira.