Outes destinará o 2,5% da facturación anual do parque eólico de Banzas a iniciativas de desenvolvemento social

OUTES> O concello de Outes chegou a un acordo co Grupo Capital Energy, promotora do parque eólico de Banzas. A empresa destinará o 2’5 por cento da facturación anual dos xeradores instalados no termo municipal de Outes a iniciativas de desenvolvemento social e económico.

Tras meses de negociacións, o concello de Outes chegou a un acordo co Grupo Capital Energuy para a instalación dun parque eólico na localidade de Banzas que afectaría tamén ós municipios de Negreira e Mazaricos. A empresa comprometeuse a destinar o dous e medio por cento da facturación anual a convenios co concello que prevé destinar estes fondos a unha liña de axudas para abaratar os custos de consumo eléctrico ás familias residentes na contorna do parque.

O acordo establece tamén que no momento do inicio das obras do parque eólico, a empresa achegará outros 80 mil euros que se investirán na mellora das infraestruturas das inmediacións da nova instalación eólica.

Tras este acordo, a empresa está a negociar cos propietarios dos terreos afectados para chegar a acordo e tentar evitar as expropiacións. Se o procedemento se desenvolve con normalidade e a Xunta autoriza finalmente o proxecto, as obras poderían dar comezo a finais de 2023.

O alcalde de Outes quixo aclarar que este acordo cínguese exclusivamente ó proxecto de Banzas. Con respecto ó Plan Sector eólico da Xunta, o executivo outense mantén as súas discrepancias por consideralo invasivo para o rural e non acorde á realidade tecnolóxica actual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí