O IES Leliadoura promove un plan de aforro de enerxia

    RIBEIRA > O equipo ‘Gaia’ do IES Leliadoura presentou o Plan de Aforro de Enerxía con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. Este proxecto que se vén desenvolvendo no centro dende hai tres anos ten por obxectivo reduci-lo consumo de enerxía a través de técnicas moi sinxelas como o aproveitamento da luz natural ou o apagado dos aparatos eléctricos mentres non estean en uso.

    aforroenerxtico_200_060606.jpgO aforro enerxético é un tema que preocupa á comunidade educativa deste instituto ribeirés que, a través de técnicas moi sutís, está conseguindo reduci-los custes do centro en electricidade. Co obxectivo de continuar nesta liña, os mestres integrantes do colectivo Gaia presentaron o Plan de Aforro Enerxético que contempla medidas tan sinxelas de asumir como a substitución da luz eléctrica pola luz natural, nos casos que sexa posible ou a desconexión dos aparellos electrónicos tales como ordenadores, televisores, altofalantes e demais evitando que permanezan en stand-by, cando o consumo é aínda importante.

    Os responsables do proxecto plantéxanse novas alternativas para o futuro como son a substitución das actuais luminarias do centro por outras máis eficaces enerxeticamente ou a implantación dunha instalación solar fotovoltaica como alternativa. Estas iniciativas, a diferencia das medidas levadas a cabo ata o momento, suporían unha achega económica por parte do centro que dependería, en gran parte, das subvencións da Xunta de Galicia.

    O colectivo Gaia baralla ademais a posibilidade de deseñar plans de aforro para aplicar nos propios fogares dos alumnos polo que teñen previsto traballar conxuntamente coa ANPA na súa elaboración.

    Redacción Barbanza