A POBRA> A Pobra acollerá este sábado a cuarta edición da Carreira Solidaria ‘Móvete pola Diabetes’. No evento, organizado pola asociación Anedia e o Club Atletismo Barbanza, agardan reunir a máis de 300 corredores.
Todo listo na Pobra para acoller unha nova edición da Carreira Solidaria ‘Móvete pola Diabetes’ que agarda reunir a máis de 300 corredores. Dará comezo o sábado ás nove da noite con saída dende o porto comercial e meta na praza Maior.
Esta proba deportiva conta cun dobre obxectivo: informar e sensibilizar á poboación sobre a diabetes e recadar fondos para o campamento de ANEDIA que este ano se desenvolverá en Porto do Son.
Os interesados en participar poden inscribirse ata o xoves a mediodía na web www.carreirasgalegas.com. O prezo é de 6 euros a partir de sub-16 e de balde para as categorías inferiores e zapatilla inclusiva. Aínda así, dispoñen dun apartado para facer donativos se así o prefiren.











