A climatoloxía non augou os ‘Sabores da Ría’

    POBRA> Sabores da Ría, a cita gastronómica da Pobra do Caramiñal, concluíu exitosamente tras catro xornadas con gran afluencia de xente. A pesar das malas condicións meteorolóxicas, foron moitos os veciños e turistas que se achegaron á carpa instalada na praza Alcalde Segundo Durán, para degustar os produtos da ría de Arousa preparados polos cociñeiros de In9 Eventos. Calcúlase que foron vendidas 2.000 racións cada un dos días, destacando especialmente as empanadas de millo de berberechos, xouba e lacón con grelos. Entre os mariscos, as navallas e as zamburiñas á prancha foron as racións máis solicitadas. Desde a organización destacan que foi moito maior a afluencia de xente durante a xornada nocturna, grazas a actividades complementarias como actuacións musicais e monólogos.