Pesar en Ribeira polo falecemento do pintor Manuel Ayaso

RIBEIRA> Aínda que o seu estado de saúde foi empeorando nos últimos días, ninguén se prevía un final tan rápido.

A súa ausencia no acto inaugural da exposición no Museo do Gravado de Artes en homenaxe a Pablo Picasso, con obras súas e do seu amigo, o tamén artista noiés Alfonso Costa, non facían presaxiar nada bo.

A nova do seu falecemento causou un fondo pesar en Aguiño, a súa vila natal, pero tamén en toda Ribeira, Concello que o nomeou en agosto pasado fillo predilecto.

Manuel Ayaso tiña 89 anos. Era natural de Aguiño, aínda que ós trece anos pasou a residir en Newark, Estados Unidos, a onde emigrou xunto a súa familia. Alí labrou a súa carreira profesional no mundo das artes, converténdose nun pintor de gran prestixio, co seu peculiar estilo expresionista, con múltiples referencias surrealistas.

Xa non volverá a pìntar, pero a súa obra perdurará para sempre.

A familia organizou un acto de homenaxe mañá mércores, ás cinco e cuarto da tarde, coincidindo co traslado dos seus restos mortais dende o crematorio de Xarás ata o cemiterio municipal de Ribeira, onde recibirá sepultura. O xoves celebrarase o funeral ás sete e media da tarde.

O Concello non descarta nun futuro próximo constituír a Fundación Manuel Ayaso, que se encargaría de custodiar e difundir o seu extenso e valioso legado artístico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí