Mobles de deseño a partir da madeira reciclada das bateas

RIBEIRA> Así de radiante lucía o xerente de Frouma Atlantic Wood, Fran Millán, co Premio de Artesanía de Galicia 2023 na súa categoría principal concedido recentemente pola Xunta.

Esta mañá tiña ademais unha visita especial ó seu taller, situado no polígono de Xarás, a do alcalde, Luís Pérez Barral, e da concellería de Cultura, Antía Alberte.

Os dous quixeron coñecer un pouco máis do seu proxecto empresarial baseado no deseño, a calidade e a sostinibilidade, xa que a totalidade dos mobles que fabrica na súa carpintería están realizados coa madeira procedente das bateas.

Agarda que o premio concedido pola Xunta sexa o espaldarazo definitivo ó seu proxecto empresarial e axude a darlle visibilidade, xa que nel ten postas moitas esperanzas.

O alcalde aproveitou a visita para felicitalo polo premio que vén de recibir por parte da Xunta e agradecerlle a súa aposta por Ribeira para poder desenvolver o seu proxecto empresarial.

O rexedor xa anunciou que intentará colaborar na medida do posible co taller, encargándolle traballos para as dependencias municipais, nunha clara aposta polo local.