Paso adiante para o reforzo da seguridade viaria na Barquiña

NOIA> A consellería de Infraestruturas e Mobilidade informou do inicio do período de exposición pública do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada comarcal AC-550, ó seu paso pola localidade, concretamente no tramo comprendido entre A Barquiña e o centro urbano.

Satisfacción no executivo noiés polo anuncio da consellería de de Infraestruturas e Mobilidade do inicio do período de exposición pública do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada comarcal AC-550, no tramo que une o casco urbano co lugar da Barquiña, dando así resposta a unha vella demanda da veciñanza.

Segundo o alcalde, Santiago Freire, a actuación incluirá ademais a construción dunha nova rotonda no cruce desta estrada coa vía provincial DP-5.704 que leva ó porto da Barquiña, un punto con alto índice de accidentes.

A actuación, cun orzamento de algo máis do millón de euros, prevé tamén a reorganización da estrada ata o centro da vila, estreitando ambos carrís de circulación e aumentando as beirarrúas, creando ademais novas zonas de estacionamento.

A Xunta agarda poder executar as obras ó longo do vindeiro ano, unha vez se produza a súa licitación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí