As actividades náuticas, raíñas do campamento Virxe de Loreto

    PORTODOSON> Pasarán máis de 400 rapaces polas instalacións durante todo o verán.

    Ir de campamento é unha das opcións escollidas por miles de rapaces que queren gozar dunhas vacacións inesquecibles e tamén unha alternativa á que moitos pais se adhiren cando non poden facerse cargo dos nenos por mor do seu traballo. Dunha forma ou de outra, os participantes veñen cargados de boas experiencias trala súa estancia e proba de elo observámolo no campamento Virxe de Loreto. Este campamento, da Xunta de Galicia, está situado nun lugar privilexiado do concello de Porto do Son. Ter a praia a un paso, permite que os usuarios poidan desenvolver cantidade de deportes náuticos así como clases de bioloxía mariña. Ó longo de todo o verán pasan por estas instalacións máis de 400 rapaces de tódalas idades, para permanecer 12 días desconectados das tecnoloxías que nos envolven e convivindo con xente descoñecida, dos cales algúns pasarán a ser grandes amigos. Unha ampla maioría recomenda esta vivencia e asegura que repetiría un ano máis, xa que serve para enriquecerse socialmente e adquirir cantidade de coñecementos.