Rías Baixas non superará os 25 millóns de quilos nesta colleita

PONTEVEDRA> A colleita deste ano en Rías Baixas podería estar por debaixo dos 25 millóns de quilos de uva. Era a previsión estimada polos técnicos do Consello Regulador a finais de xullo, pero a meteoroloxía inestable dos últimos días podería ocasionar perdas engadidas de entre un cinco e un dez por cento. O atraso do envero fará tamén que a vendima se realice este ano unha semana máis tarde que o pasado. Os produtores da Denominación de Orixe Rías Baixas recollerán este ano en torno ós 25 millóns de quilos de uva. Quedan lonxe dos case 34 millóns que se colleitaron o ano pasado e aínda poderían ser menos, xa que as condicións de inestabilidade meteorolóxica destes últimos días poderían ocasionar unha perda adicional de entre un cinco e un dez por cento segundo datos dos técnicos do Consello Regulador. O forte ataque de mildiu que se está a padecer, especialmente na subzona do Salnés, estaría detrás desta perda extra pero a maior desfeita produciuse xa en floración, con corrementos de flor, e na purga. A climatoloxía está detrás deste descenso de colleita. Ás frecuentes precipitacións deste verán e a práctica ausencia de anticiclóns, hai que sumar un inverno non que non se rexistraron temperaturas moi baixas e unha primavera tamén moi chuviosa. Todo isto produciu alteracións no ciclo vital da vide que se deixarán notar en vendima. Miguel Tubío, director técnico de Adegas Martín Códax, sostén que malia o severo ataque de mildiu que rexistraron esta campaña moitos viñedos do Salnés, os viticultores souberon facer fronte á enfermidade. O atraso do envero tamén está a dilatar o tempo que os froitos están expostos ó fungo, xa que unha vez entrado neste estadío, os acios fanse resistentes a mildiu e oídio de xeito natural. Tubío considera que a partir de agora non se producirán novas perdas en colleita co que a cifra de en torno ós 25 millóns de quilos de uva en Rías baixas podería ser unha estimación fiable.