PONTEVEDRA> O Carlos Oroza celebrou esta mañá unha xornada dedicada ó mexillón na que alumnos de distintos ciclos do centro presentaron ante cociñeiros, produtores e provedores, diferentes elaboracións con este produto do mar.
Alumnos do Carlos Oroza presentaron esta mañá distintos pratos elaborados con Mexillón de Galicia. Con este tipo de xornadas de demostración de produto amosan os avances na súa formación e póñense en contacto co sector no que desenvolverán a súa carreira profesional.
A colaboración cos produtores, a través das denominacións de orixe, ábrelle tamén outras posibles saídas laborais.
Ademais, melloran en competencias necesarias para o seu futuro coma a de falar en público ou expoñerse a preguntas.
Esta primeira experiencia repetirase nas vindeiras semanas.
Cociñeiros, produtores e provedores puideron degustar mexillóns ó natural, elaboracións a partir de conserva, e outras presentacións do bivalvo coma croquetas ou empanada. Ó final da demostración, valoraron tanto a elaboración coma a posta en escena.