Primeira xornada de folga en Aludec para reclamar melloras nas condicións laborais

PONTEVEDRA> Satisfacción no sindicato CIG polo seguimento acadado na primeira xornada de folga na empresa Aludec. A plataforma sindical asegura que preto dunhas 300 persoas participaron nos piquetes e nas concentracións diante dos distintos centros de traballo da compañía de automoción. Este xoves está convocada unha nova reunión da mesa de negociación para acadar melloras nas condicións laborais dos traballadores.

Amplo seguimento da primeira xornada de folga das tres convocadas entre o cadro de persoal da empresa de automoción Aludec. Unhas 300 persoas participaron nos piquetes e nas concentracións que se desenvolveron durante todo o día diante dos distintos centros de traballo que a compañía ten nos polígonos do Campiño e da Reigosa.

Dende o sindicato CIG reclaman varias medidas. Entre elas un incremento salarial que sitúe as retribucións ao remate do convenio un 5% por enriba do establecido no convenio de Químicas. Tamén que a revisión salarial se realice en base ao IPC. E rexeitan a última proposta da empresa, que pasa por asociar esta mellora dos salarios a un plus de absentismo.

Reducir a xornada laboral, revisar a clasificación profesional ou que as baixas por enfermidade común deixen de computar á hora de ter dereito ao plus de absentismo, son outras das medidas que reclama o sindicato. Ademais, a CIG pon o foco no alto nivel de precariedade na empresa e sinalan que ao redor de 300 dos 900 traballadores son contratados a través de empresas de traballo temporal.

Os sindicatos volven estar convocados este xoves a unha nova reunión da mesa de negociación do convenio. Así as cousas, a CIG mantén polo de momento a convocatoria de dúas xornadas máis de folga para os días 15 e 17 de xullo.