Paloma Castro será a número 3 do PSOE de Pontevedra para o 5A

PONTEVEDRA> Paloma Castro será a número 3 nas listas do Partido Socialista de Pontevedra para as eleccións autonómicas do 5 de abril. A formación celebrou onte unha reunión en Santiago na que decidiu aupar a candidatura da edil pontevedresa e deixar fóra á actual deputada María Pierres. Pierres fora a máis votada polos afiliados.

O PSdeG xa ten as súas listas para as eleccións autonómicas do 5 de abril. A concelleira pontevedresa Paloma Castro dará o salto ao Parlamento Galego: aparece no terceiro posto, precedida polo candidato á Xunta Gonzalo Caballero e a edil viguesa Isaura Abelairas.

Queda fóra da candidatura a tamén pontevedresa María Pierres, deputada autonómica na última lexislatura. Pierres foi a máis votada por parte da asemblea local socialista, e aparecía no número catro da lista que propuxo o comité executivo provincial. Onte, o comité nacional facía varios cambios para inclúir a candidatos próximos a Caballero, como o caso de Castro.

Paloma Castro conseguiu unha acta de concelleira nas pasadas eleccións municipais e, tralo acordo entre BNG e PSOE, pasou a formar parte do goberno pontevedrés. A edila xa adiantou a súa decisión de deixar a política municipal.

A marcha de Paloma Castro suporá a entrada na corporación do seguinte candidato na listaxe das eleccións municipais. Será Marcos Rey, presidente da comunidade de montes de Verducido.