A Festa do Mar, a polo selo de Interese Turístico na 17ª edición

POIO> A Festa do Mar sopra xa dezasete velas. A cita volve un ano máis coa súa aposta, que mestura gastronomía, tradición e música para todos os públicos. Esta edición, ademais, o concello de Poio intentará obter o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. A mellor gastronomía e os mellores produtos do mar volverán darse a man no concello de Poio. A Festa do Mar cumpre a súa décimo sétima edición cun obxectivo en mente: conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta edición celebrarase entre o mércores 23 e o domingo 27 de agosto. Durante estes días, Combarro será o centro de actividades, cun programa no que destaca o concerto de David Civera o día da inauguración na praza da Chousa. O 24 será a quenda do Festifolk, que o 25 dará paso a unha das citas máis agardadas, o Festival Armadiña Rock cos Herdeiros da Crus. O orzamento será semellante ao de anos anteriores: 200 mil euros. Este ano os stands gastronómicos saíron a concurso público, aínda que o concello resérvase dous que servirán ameixas e mexillóns da ría. Tamén se repetirá a concentración de embarcacións tradicionais, á que asistirán preto de 30 barcos.