Os traballadores de Linorsa volven concentrarse polos impagos

    RIBEIRA> Traballadores da empresa LINORSA, firma encargada da limpeza do hospital da Barbanza, volveron a concentrarse esta mañá ás portas do centro hospitalario, en protesta polos retrasos no cobro das súas nóminas. Dende hai varios meses a dirección está a realizar os pagos con bastante retraso e nestes momentos adebédalle xa dúas mensualidades. Na mobilización tamén tomou parte o resto do persoal do propio hospital, e representantes do sindicato CIG, que remitiu un escrito ó SERGAS solicitando a realización dunha inspección de traballo. A súa intención pasa por continuar con este tipo de mobilizacións ata que a dirección da empresa non poña ó día o pago dos seus salarios.