RIANXO> Rianxo celebrará o próximo 1 de novembro a oitava edición da carreira popular. A proba, que reunirá a preto de mil corredores, forma parte do Circuíto de Carreiras Populares Barbanza Arousa integrado á súa vez no circuíto provincial da Deputación da Coruña.
Todo a punto en Rianxo para acoller unha das probas deportivas con maior afluencia. A carreira popular ‘Concello de Rianxo’ disputarase o próximo 1 de novembro. O percorrido, con chegada e saída na praza de Castelao, componse de dez quilómetros por algunhas das paisaxes máis emblemáticas de Rianxo.
Esta proba é a terceira do Circuíto de Carreiras Populares da Mancomunidade Barbanza Arousa que busca consolidar a comarca como un destino de turismo activo e de natureza.
Polo momento xa hai máis de 600 inscritos e a organización estima que poden achegarse ata os mil. Os interesados en participar aínda están a tempo de anotarse a través da web emesports.es ou carreirasgalegas.com ata o próximo luns.