As obras do Fernández Varela estarán listas para o inicio do curso

    POBRA> O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, visitou o colexio para comprobar, de primeira man, as melloras que alí se están realizando.

    A comunidade educativa do Fernández Varela viña reclamando, desde hai tempo, unha serie de melloras urxentes para este centro pobrense, que acolle a 120 alumnos de 3 a 5 anos de idade. Finalmente, estes días comezaron a desenvolverse parte das obras prometidas e o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, quixo supervisar as reparacións acompañado polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras. O conxunto de traballos que se van acometer, antes do inicio escolar, supón un investimento superior ós 33.000€. O concello da Pobra do Caramiñal aporta os outros 6.000€, que irán destinados á construción duns novos baños na segunda planta. Unha vez finalizadas estas reparacións, queda pendente o cambio de fiestras. Este realizarase en dúas fases: o primeiro cambio vaise facer nas vacacións do Nadal e o segundo no verán do 2015. Isaac Maceiras indicou que as clases non se van ver interrompidas por obra algunha. Tamén no concello de Lousame se están levando a cabo traballos de acondicionamento no Colexio Público Infantil Cernadas de Castro e no Punto de Atención á Infancia. Os técnicos municipais están realizando pintado de aulas e pintado da fachada nun dos centros. A previsión indica que os traballos rematarán antes de que dea comezo o curso escolar.