![]()
RIANXO> As fortes chuvias dos últimos días puxeron de manifesto que as deficiencias causadas polas obras da autovía seguen aí.
Os veciños do núcleo de Monte Dorna, na parroquia rianxeira de Taragoña, xa non saben que facer para que as súas reclamacións sexan escoitadas. Dende que comezaran as obras da autovía do Barbanza, hai xa dous anos, viron como o acceso á aldea a través dunha ponte sobre a que discorre a autovía, vólvese impracticable cada vez que chove. A baixada das augas sen canalizar provoca o desprendemento e arrastre de terras formando lodos, cando non inundacións, que dificultan o acceso a pe e mesmo, en ocasións, en coche.
Fartos xa de escoitar os reiterados compromisos de Sacyr, empresa responsable das obras, de que se van subsanar as deficiencias, os veciños esixen que se acometa o asfaltado das pistas e as canalizacións correspondentes para evitar que a situación se repita.
A pesar de que, segundo informaron os veciños, onte mesmo se procedeu á impeza da zona, esta mañá o acceso xa se atopaba en condicións deficientes.
Apoios
Na súa demanda non están sós posto que o grupo municipal do BNG xa manifestou o seu apoio ós veciños a través de diferentes iniciativas. Agora, unha vez máis, insta a Sacyr a acometer a reparación dos danos e de non ser así empraza ó concello a facerse cargo.
A este respecto, o alcalde rianxeiro manifestou o seu descontento coa empresa adxudicataria das obras pero informou de que nos próximos días, técnicos de Sacyr acudirán a supervisar os viais danados e agarda que se acometa a súa reparación coa maior celeridade posible.
Redacción Barbanza









