Servia dispón das mellores taxas de recuperación de residuos de toda España

    LOUSAME> A empresa FCC que xestiona o Complexo Medioambiental de Tratamento de Residuos da Mancomunidade Serra do Barbanza presentou o balance anual durante o pasado ano 2016. Durante o pasado ano 2016 o Complexo Medioambiental de Tratamento de Residuos da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza conseguiu recuperar unhas oito mil toneladas de residuos inorgánicos destinadas a reciclaxe. Cifra á que hai que sumarlle tamén máis de dúas mil de orgánico. Os datos, que foron dados a coñecer esta mañá polo director da planta de Lousame, Jacobo Patiño, sitúan a este complexo coma un dos máis efectivos á hora da recuperación dos residuos en todo o ámbito nacional, chegando a reciclar ó redor do 37% do lixo que chega á planta. O director da planta que dá servizo a un total de nove concellos, entre os que se atopan Carnota, Noia, Muros, Porto do Son, Lousame, Brión, Ames, Rois e Pontecesures, aludiu tamén ós problemas existentes nos últimos meses en canto á recollida de residuos, derivados das avarías constantes nos camións. Dende FCC tamén aludiron á posibilidade da entrada de novos concellos á Mancomunidade, como é o caso de Rianxo, que dende hai tempo mostrouse favorable á súa incorporación a Serra do Barbanza, aínda que estará condicionada tamén por unha óptima prestación do servizo de recollida, algo que agora non se pode garantir ó 100%.