Boiro contará cunha sala de concertos pública, a primeira en Galicia

    ampliacinlocaisensaioboiro.jpgBOIRO > O Director Xeral de Xuventude e o alcalde asinaron un convenio que permitirá a ampliación dos locais de ensaio.

    O convenio asinado hoxe pola Dirección Xeral de Xuventude e o concello boirés permitirá a ampliación das actuais dependencias para a xuventude existentes no centro social. As novas salas estarán dotadas de distintos servizos, entre os que destacan unha oficina de información xuvenil, o consello da mocidade con equipamentos para as asociacións subvenís, programas formativos especializados para os mozos e espazos de ocio, xogo e obradoiros. Ademais habilitarase unha sala de concertos pública para os grupos locais que a miúdo empregan os locais de ensaio. Este feito foi precisamente destacado tamén polo Director Xeral de Xuventude, que indicou que se tratará dunha experiencia piloto, que se podería converter co paso do tempo se todo sae ben nun modelo extrapolable a outros municipios de Galicia.

    Tres meses de execución das obras

    As obras que se levarán a cabo no soto do actual centro social boirés contan cun orzamento de máis de 80 mil euros, dos cales uns 60 mil serán aportados pola Dirección Xeral de Xuventude, e a cantidade restante será asumida polas propias arcas municipais. Precisamente mañá está previsto que a a xunta de goberno local decida a adxudicación destas obras para a súa inmediata execución, polo que nun prazo de tres meses as instalación poderían entrar xa en funcionamento.

    Redacción Barbanza