![]()
POBRA> Un mes despois de que o executivo se comprometera a poñer fin ás inundacións no camiño do Cagulo, a situación segue practicamente igual.
{flowplayer}barbanza/vecinoscaminocagulo.flv{/flowplayer}
Non é a primeira vez que os veciños desta zona denuncian o mal estado do camiño que rexistra un importante tráfico de vehículos e peóns posto que da acceso á autovía do Barbanza e á capela da Mercé.
Os máis afectados son Francisco García e a súa familia que residen na vivenda ó pé da cal se acumula toda a auga. Denuncian que os anegamentos se producen dende que se construiu o peche da finca de en fronte sen que o concello tomase ningunha medida ó respecto.
Os veciños da zona, tamén afectados, amosaron a súa solidariedade coa familia de Francisco e expresaron a súa indignación ante o abandono do rural que está a provocar a política do actual goberno.
Apoio dos socialistas
Tamén a agrupación socialista se fixo eco das denuncias destes veciños e ten previsto levar ó próximo pleno unha moción pedindo o arranxo do camiño así como as melloras no subministro eléctrico e a substitución dunha marquesiña que se atopa en mal estado.
Neste sentido, os socialistas xa lle transmitiron hai un mes ó executivo a necesidade desta actuación sen que ata o momento se teña iniciado ningunha obra.
Obras adxudicadas
Pola súa banda, dende o concello aclararon que esta actuación, incluída no Plan de Axuda contra a Crise da Deputación, xa foi adxudicada no mes de decembro á empresa Nemesio Ordóñez que de momento non puido acometela por mor do mal tempo. O alcalde, Isaac Maceiras, explicou que o asfaltado do camiño vaise iniciar nos próximos días, cando deixe de chover.
Redacción Barbanza










