A ANPA do colexio da Barquiña de Noia retoma as mobilizacións

NOIA> A comunidade educativa do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso retomou as mobilizacións en contra dos recortes. Celebraron unha nova concentración a pasada tarde na alameda noiesa, antes do pleno no que se aprobou unha declaración institucional en defensa do ensino público.

Malia que volveron decepcionados trala súa visita ó Parlamento para asistir á comparecencia do Conselleiro de Educación, os pais da ANPA do colexio da Barquiña en Noia seguirán a reclamar a incorporación do persoal necesario para garantir a inclusión e a educación en igualdade de todo o alumnado. A pasada tarde celebraron unha mobilización na alameda instando á Xunta a escoitar as súas demandas e dotar ó centro dun mestre para o desdobre de terceiro de primaria.

Ademais dos docentes, inciden no recorte en persoal de apoio dado que un dos coidadores está a media xornada posto que debe desprazarse durante dúas horas ó IES Campo San Alberto.

Trala concentración, unha representación dos pais asistiron ó pleno do concello de Noia no que se aprobou por unanimidade unha declaración institucional en defensa do ensino público e da inclusión.