As obras da futura gardería de Esteiro rematarán en decembro

    MUROS> Así afirmou a alcaldesa, Caridad González, quen mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento das obras. Malia a dar inicio máis tarde do agardado, as obras da futura gardería de Esteiro, en Muros, xa comezaron. A nova foi moi ben acollida pola rexedora local, Caridad González, xa que segundo ela tratábase dun servizo longamente demandado de cara a conciliar a vida familiar e laboral dos veciños deste concello. Segundo explicou a propia alcaldesa a intención da administración autonómica pasa porque a nova gardería entre en servizo para o curso 2015-2016, prevéndose xa o remate das obras para este mes de decembro. A futura gardería emprázase na parcela contigua ó colexio Ricardo Tobío e dará servizo inicialmente a 25 nenos. A obra estará financiada nun sesenta por cento pola Xunta e o corenta restante polo concello muradán que investirá máis de catrocentos mil euros nesta instalación.