Mariscadores de toda Galicia denuncian en Ribeira a crítica situación das rías

RIBEIRA> A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e Plademar Muros-Noia convocaron esta mañá unha concentración en Ribeira para denunciar o estado crítico en que se atopan as rías. Demandan á xunta un plan de control de vertidos así como medidas efectivas para a rexeneración dos bancos marisqueiros.

A persistente chuvia que caeu durante toda a mañá non disuadiu ás ducias de mariscadores que se concentraron ás portas da delegación da pesca de Ribeira para denunciar a crítica situación que viven ante a acusada mortalidade de marisco.

Demandan medidas estruturais que pasarían por un plan de control de vertidos e outros de rexeneración dos bancos marisqueiros así como medidas de carácter socioeconómico para paliar a ausencia de ingresos dos mariscadores.

Trala protestas, os convocantes entregaron un escrito na delegación asinado por numerosos representantes do sector esixindo á Consellería do Mar que asuma as súas competencias para poñer fin á crise do marisqueo que vive toda Galicia.

Ademais de representantes políticos de toda a comarca do Barbanza, tamén se sumou á concentración a eurodeputada e candidata ás eleccións europeas polo BNG, Ana Miranda.  Dende alí, volveu demandar á Xunta que cumpra coas súas competencias en materia pesqueira xestionando un plan de recuperación que contemple a aposta por criadeiros propios de semente e axudas directas ó sector para paliar as perdas.