As festas do Carme dos Pincheiros tamén se rinden á Covid-19

POBRA> A Covid-19 lévase tamén a celebración das festas do Carme dos Pincheiros. A comisión organizadora anunciou esta mañá a cancelación dos festexos que ían celebrarse, como é tradición, na segunda quincena de agosto.

Tampouco haberá festas do Carme dos Pincheiros este ano. Con gran tristura a comisión organizadora anunciaba esta mañá a súa cancelación. Despois de analizar a actual situación xerada pola Covid-19, decidiron suspendela. Segundo eles é a mellor opción, ó non poder garantir as medidas de seguridade e hixiene derivadas da pandemia que poden provocar un risco de contaxio.

Con máis de douscentos anos de historia no seu haber, esta será a primeira vez que deixe de celebrarse, ou iso é o que pensan dende a comisión organizadora.

Á comisión tampouco lle parece o mellor momento para andar a recadar fondos para a festa, vendo a situación na que se atopan a maioría dos negocios da vila, que xunto cos donativos dos propios veciños, son os principais contribuíntes ó financiamento destes festexos.