Saen a licitación as obras de recuperación ambiental do río Arlés

    RIBEIRA> Trátase dunha das últimas actuacións previstas dentro do macroproxecto ‘Riveira Atlántica 2015’. O orzamento base de licitación desta actuación para a recuperación integral do río Arlés e o seu entorno, unha das últimas obras incluídas no proxecto ‘Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos FEDER da Unión Europea, ascende a máis de 848 mil euros. As empresas interesadas en concorrer ó concurso de adxudicación terán o prazo dun mes para presentar as súas ofertas. As obras prevén a creación dunha senda peonil de case cinco quilómetros de lonxitude que descorrerá paralela á canle do río e estará realizada en materiais respectuosos co entorno. Outras accións previstas son a limpeza e desbroce na parte máis alta do río, así como o acondicionamento dos camiños, viais e estruturas existentes no transcurso da senda. Tamén se habilitará unha área recreativa con zona de descanso e esparexemento no curso baixo do río e activarase un plan de sinalización e divulgación do patrimonio natural, etnográfico, cultural e paisaxístico da zona, coa instalación de paneis de situación e acceso, situando ademais mesas interpretativas ó longo de toda a senda.