Barro condena a violencia machista cun minuto de silencio en memoria de Mónica

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/26/concentracion_violencia_xenero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/26/concentracion_violencia_xenero.mp4{/flowplayer}

 

BARRO> Continúan as reaccións de repulsa contra o novo caso de violencia machista sucedido onte en Barro. Este mediodía, a corporación do municipio e numerosos veciños concentráronse ante a casa consistorial para expresar o seu rexeitamento contra o asasinato de Mónica Lorenzo, que onte morría a mans da súa parella. Despois de matala, o home aforcouse.

Tristura e incredulidade seguen a ser os sentimentos que comparten os veciños de Barro. O concello continúa sacudido polo crime de onte: a morte de Mónica Lorenzo a mans do seu marido.

Os esforzos concéntranse agora en atender ás fillas do matrimonio. Segundo o alcalde de Barro, xa se puxo en contacto coa súa homóloga en Marín e non descartan unir forzas para atender ás rapazas.

O subdelegado do goberno en Pontevedra recordou esta mañá que a investigación segue aberta, na procura de esclarecer os feitos.

Antonio Coello asistiu á concentración celebrada este mediodía ante o concello de Barro, na que corporación e veciños expresaron a súa repulsa ante este novo caso de violencia machista. Xa onte, o pleno da corporación decretaba tres días de loito oficial en memoria da vítima. 

En Santiago e en Marín, vila natal da vítima, tamén se gardou un minuto de silencio en memoria de Mónica.