RIBEIRA> O BNG de Ribeira pide protección para a fábrica de Cerqueira que vén de finalizar a súa actividade no municipio. Retoma así unha proposta presentada o pasado ano para solicitar a Declaración desta nave como Ben de Interese Cultural.
Tras máis dun século de actividade industrial en Ribeira, a conserveira Cerqueira trasladouse a Rianxo pechando a fábrica situada en Bandourrío. Segundo o BNG non foi a única que nos últimos anos decidiu marchar do municipio ante a falla de chan industrial que impedía ata o de agora o seu crecemento.
Unha vez finalizada a actividade produtiva nesta nave, a asociación social e cultural de Bandourrío, barrio no que se asenta, demanda o seu uso por parte da sociedade, no marco dun plan integral de revitalización e dinamización desta zona. Dende o BNG sumáronse a esta proposta, recuperando ademais unha proposta que xa levaran a pleno o pasado ano para a declaración como BIC da factoría polo seu valor como expoñente do patrimonio industrial de Galicia.
Piden ó goberno que sexa sensible con esta reivindicación e que evite a perda desta nave emblemática como xa aconteceu con outras mostras do patrimonio industrial e mariñeiro como os talleres Nervión, o secadoiro de Colomero ou o cine Rosalía de Castro.