O barco español da Volvo Ocean Race recala en Portosín

    PORTODOSON> A chegada da única embarcación española que competirá na Volvo Ocean Race causou unha gran expectación na dársena. Moitos quixeron fotografarse cos medallistas olímpicos, Iker Martínez e Xabi Fernández, e co espectacular barco que alí se atopaba atracado. Os máis curiosos puideron adentrarse na embarcación, para coñecer o espazo onde residirán os once tripulantes durante a proba máis dura da vela oceánica.

    O equipo español da Volvo Ocean Race, liderado por Pedro Campos, navegou hoxe pola ría de Muros-Noia ante a mirada de numerosos espectadores, que agardaban a súa chegada no peirao de Portosín. Na embarcación, que ten a súa base en Sanxenxo, navegaron hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo e o subdelegado do goberno na Coruña, Jorge Atán. Esta escala faise máis especial se cabe, tendo en conta que mañá a tripulación parte cara Alicante, porto de saída da ‘Volta ó mundo a vela’. O presidente do Real Club Náutico de Portosín, Fernando González, tivo palabras de agradecemento por unha visita tan destacada coma esta. Ademais, o presidente da entidade sonense loou o traballo realizado por Pedro Campos. Pola súa parte, o director xeral do equipo español, que navegará durante 9 meses ó redor do mundo, adiantou que toda a tripulación loitará duramente para deixar en bo lugar a Galicia e a España. Ó remate do acto, o equipo foi galardoado coa insignia do Náutico de Portosín. Pedro Campos, recibiu ademais a insignia de ouro do concello de Porto do Son, da man de Luís Oujo.