BARBANZA> Segundo os datos analizados durante o último mes obsérvase tamén unha gran abundancia de xuvenís no mar, o que evidencia a óptima situación biolóxica da especie.
Despois de varios anos cativos, nos que o número de capturas de polbo foi escaso, a situación parece estar mudando.
Segundo os datos analizados durante a xuntanza da comisión de seguimento do plan de xestión da especie constatouse que as descargas do cefalópodo no pasado mes de xullo roldaron os 180 mil quilos, unha cifra que está moi por riba da media da serie histórica para este mes e multiplican por máis de seis as rexistradas no mesmo período do ano pasado.
O sector valora tamén moi satisfactoriamente a existencia de abundancia de exemplares xuvenís no mar, o que debería garantir o desenvolvemento sustentable da pesqueira nos vindeiros meses.
Para protexer o estado do recurso e favorecer a súa recuperación, a Xunta e o sector acordaron fixar este ano unha veda de dous meses, máis longa que en exercicios anteriores.